O PASADO INDUSTRIAL DE BURELA
Mar 03 2022

POR HERMINIA PERNAS OROZA, CRONISTA OFICIAL DE BURELA (LUGO).

Cerámica Gusisasola

Nacía cos albores do século XX, na localidade de Burela, unha fábrica de cerámica (Cerámicas Guisasola) que comezaba a súa produción en 1903 e tiña como elemento máis destacable unha impoñente cheminea de 37 metros de altura, que durante moitos anos, e sen pretendelo, converteuse en punto de referencia para a pesca de baixura, e de orientación para a entrada no porto.

Pero, por que se levantou en Burela? A razón é ben sinxela, pola consideración que alguén fixo da súa contorna como posuidora de valores económicos, isto é: abundancia de materias primas de excelente calidade (arxila refractaria, caolín, feldespato), a presenza dun porto (que sería ampliado e mellorado) e a facilidade de almacenaxe de mercadorías na zona portuaria. Como se di no mundo do mar, non abonda só con ver senón que hai que saber mirar e interpretar o que se ve.

Poucos anos máis tarde (en 1908), a fábrica muda o seu nome polo de “Leandro Cucurny y compañía, sociedad comandita” e volverá cambiar de novo en 1917 para pasar a denominarse “Sociedad Cucurny Hermanos”. Co paso do tempo, a empresa coñecerá sucesivos propietarios e terá distintas denominacións, funcionando a partir de mediados dos corenta, co nome de “Materiales Cerámicos S.L.”. En 1972 rexístrase a súa marca comercial Gres Burela, iniciándose a que sería a derradeira etapa desta empresa, xa denominada “Fábrica Vella” e que en adiante coñeceríase por este nome ata que deu cabo definitivamente en 2013. Nove anos máis tarde está a desaparecer tamén fisicamente, o que é un claro indicio do desinterese por manter unha paisaxe culturalizada, que foi esmorecendo aos poucos.

O abandono de moitas instalacións industriais ten causado a decadencia dalgunhas vilas e cidades ou ben proporcionado a oportunidade de renovar amplas zonas urbanas como foi o caso de Bilbao. Desde o punto de vista cultural, xerou un campo de estudo relativamente recente, como é a arqueoloxía industrial, que ofrece a posta en valor, conservación e recuperación do patrimonio industrial, e con el dunha parte importante da memoria histórica das comunidades en que estas instalacións se crearon e  desenvolveron.

Lamentablemente isto non sucedeu en Burela, onde se desmantelou o xermolo da súa industria ou leva camiño de facerse. Un paso importante neste proceso foi a derruba, en 1962, da cheminea da “Fábrica Vella”, e con ela caía tamén un símbolo da vila.

Tampouco sobreviviu a fábrica de gres de Farré e Jaureguízar, levantada moi preto da primeira; e igual sorte correron os muíños de feldespato, construídos no lugar da antiga fábrica de Enríquez, pasándolle o mesmo ao “novo” forno de encascar construído no peirao en 1942. Aínda persiste pero agonizando, o lavadoiro de caolín, no barrio de Os Castros e que data de 1942.

E se no noso rueiro pola vila baixamos ao porto, observamos que o característico “chigre” mariñeiro perdeu a súa esencia; a que por sorte seguen a conservar os talleres de Roca e Vizoso, que botaron a andar en 1957 e proseguen gozando de boa saúde. Magoa que non poidamos dicir o mesmo das naves da Veiga, nacidas tamén a comezos dos anos corenta.

Neste punto paramos de rueirar porque, de proseguirmos, abofé que veriamos outros exemplos de arqueoloxía industrial, mudas testemuñas dunha Burela emprendedora e laboriosa, demostrándose con isto que a vila nunca foi, como adoita dicirse, “un fato de casas ata non hai moitos anos”. A única maneira de demostrar este equívoco e poñer en valor o noso patrimonio cultural cara ao que permanecemos cegos ou non o sabemos ver.

E mentres que non recuperemos a nosa memoria industrial, trazaremos na nosa imaxinación múltiples roteiros por Burela: o dos seus barrios históricos; o roteiro mariñeiro; o industrial, o dos seus ríos e regatos, xa que nas súas orixes foi un humidal…. Un primeiro paso está dado coas Xeo-Rutas pero non abonda, fai falla máis traballo máis audacia e sobre todo traballo, moito traballo, só así se sae adiante, ao estilo da Burela dos nosos maiores. Na súa honra non podemos deixar que a nosa vila decaia. Comprobado está que ten potencial, só hai que saber administralo (cuestión de practicar e persistir). Quen vai materializar todo isto? Aí queda a pregunta para quen queira, saiba ou teña interese en responder.

FUENTE: CRONISTA

Add your Comment

Calendario

noviembre 2024
L M X J V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Archivos

UN PORTAL QUE CONTINÚA ABIERTO A TODO EL MUNDO