POR CARLOS NUEVO CAL, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO (LUGO).
NOS 90 ANOS DA ESTREA DA COMPARSA VIVEIRESA “INTERROGACIÓN”(1932)
Viveiro gozou dende moi antigo dunha gran tradición musical de rondallas, comparsas, murgas e grupos organizados que ataviados de pierrots, clowns, arlequíns, mariñeiros, labregos ou de calquera outro xeito aledaron sempre ás distintas xeracións e fixeron do noso Entroido un dos máis xenuínos de Galicia.
Temos escrito en diversas ocasións sobre a historia miúda dos principais grupos rondallescos, así como da importancia e do brillante pasado dalgunhas daquelas inesquecibles comparsas que aínda permanecen vivas na memoria colectiva de moitos viveireses. Abundante é tamén a nómina das variadas agrupacións que dende 1889 a 1936 desfilaron polas rúas da nosa cidade, entre as que debemos mencionar ás comparsas da Sociedad de Obreros (1889-1894 e posteriores), A Comparsa Indefinida (1891), “El Zoco” de Covas (1894), Comparsa de Magazos (1894), La Juventud Vivariense (1894-96), Proserpinas y Doctoras (1898), Caballeros del siglo XVI (1898), La Comparsa de los Clonws (1901), La Juventud Vivariense (1902), Comparsa del Humor (1904), Juventud Vivariense (1905), Los Pierrots (1912-13), La Comparsa del Trueno (1913), La Juventud Obrera (1916), A Muller Fiera (1921), Comparsa Bailes de Magazos (1924), Los Clonws (1928), Los Blancos Pierrots (1930), Agrupación Musical de la Juventud de Celeiro (1931-32-33-34-35), Los Corsarios (1931), Interrogación (1932), Así da Gusto (1933), Así vamos ben (1933), Acordádevos de nós (1933), Los parados sin pan y sin trabajo (1933), Los Arlequines (1934), Comparsa d´os eses (1934), Los Eléctricos (1935), Los Últimos (1935), Somos da Nosa Terra (1935), Os Arenques (1935), Los Broadway de Celeiro (1935), Murga Marina (1936), Cando Salides (1936), Rondalla Agrupación Musical de Viveiro (1936).
Realmente, a música de púa marcou a época dourada da maioría destas rondallas e comparsas de ante guerra, que utilizaban como instrumentos característicos guitarras, laudes, mandolinas e violíns, acompañadas con flautas. As composicións musicadas polos mestres Juan Latorre Capón, Víctor Miguel, Balbino Díaz Deán “O Cristino”, Juan Paraños, Ramón Amor e Jesús Pérez Rivas “Camacho”eran principalmente danzas, mazurcas, jotas, valses, habaneras, pasacalles, serenatas, barcarolas e pasodobres. Igualmente, as letras das coplas eran obra de poetas, escritores ou personaxes populares como Alfredo Gª Dóriga, A. Lorenzo Vilar, Ramón Gutiér
rez, Antón Villar Ponte, Javier Costa, José Fanego, F. Leal Insua, A. Noriega Varela, J.Nistal, Charol…
A única excepción a este tipo de música rondallesca de carácter galante constituírona as murgas e mailos dúos ou tríos que imitaban ao recitados dos cegos; estes grupos de antrodeiros baseaban as súas actuacións no canto das coplas de tipo satírico, social e político que ensaiaran durante a invernía nas populares baiucas da Ribeira. Acompasaban as cancións cun bombo e algún outro instrumento musical como sordinas e pandeiretas ou, no caso dos cegos, cun violín ou acordeón. Entre os letristas máis coñecidos destas murgas destacaron especialmente: Pacomio, o xenial Emilio Caxete, Darío o Cego da Cobela e Jotraque.
CONSTITUCIÓN DA COMPARSA INTERROGACIÓN (1932)
Sen dúbida, a Interrogación foi unha das máis célebres comparsas do Entroido viveirés, recordada aínda na actualidade como un exemplo de organización, vestiario, calidade musical e artística dos seus compoñentes. Grazas ao ensaio intitulado “Buena tarta y mal jerez”, publicado por José Nistal López, en 1952, e recollido no libro “Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi”, editado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro (2000), podemos reconstruír doadamente a xénese e desenvolvemento desta senlleira comparsa.
Durante o sexenio republicano (1931-36) produciuse un importante auxe do Entroido debido á maior participación política e ao aumento da conciencia crítica dunha cidadanía que reclamaba maiores dereitos e liberdades. Neste ambiente de entusiasmo político e social, algúns dos viveireses máis novos e divertidos como Andrés Mariño “Cidre”, Joaquín Picado “Canteiro” e José Nistal, logo do éxito que obtivera o ano anterior a Comparsa Los Corsarios, dirixida por Ramón Amor “O Tolino”, pensaron en participar no vindeiro Entroido de 1932. Mais, deixemos que sexa o propio Nistal quen no lo conte:
“Para los Carnavales de aquel año nos propusimos organizar una Comparsa. Muchas tardes y muchas noches la idea de esta Comparsa fue único tema de conversación entre nuestro grupo de amigos, hasta que una tarde decembrina, de paseo por la carretera del Asilo, Andrés, Joaquín y yo decidimos ir a su creación, con una sola y terminante condición: o hacer una cosa muy buena o desistir de todo”.[1]
Coa finalidade de conseguir o maior dos éxitos coa creación da comparsa era preciso contar coa presenza dos “Tolinos”, pero iso comportaba un gran risco pois naqueles tempos era moi grande a rivalidade existente entre as dúas bandas de música da localidade, a de Exploradores, agora convertida en Municipal e dirixida polo veterano e avellentado profesor D. Juan Latorre e a Banda “La Lira”, de carácter particular, composta maioritariamente por membros da familia Amor. Os nosos protagonistas non sabían como reaccionarían uns e outros ante a proposta de facer unha selección e que os elixidos actuasen conxuntamente, esquecendo vellos antagonismos.
Porén, unha vez realizadas as propostas a uns e outros, por separado, a resposta foi do máis positiva por ambas as dúas partes, como conta outra volta o amigo Nistal:
“(…)Expuesta esta rivalidad, justo es que tuviésemos temor de que Lole o su hermano Xuxo, o Nito, perteneciente a los Exploradores, se opusieran a la admisión de los hermanos Amor, y también que dudásemos de que estos prestasen su concurso. Pero ni oposición por aquéllos ni negativa por éstos; por el contrario inmejorable acogida en tirios y troyanos, capuletos y montescos. Seleccionamos lo mejor de Viveiro. Los ensayos en el local del Ramo de la Construcción, fueron señalados para las 10 de la noche en punto, y según el cuadro de fechas libres, que aún conservo en mi archivo, comenzamos a ensayar el viernes 18 de diciembre, disponiendo de 31 días repartidos asÍ: siete en diciembre; veintitrés en enero y uno en febrero. La disciplina, rigurosísima. Andrés, al frente de la dirección musical, en estrecho contacto con Lole, con Xuxo y con Ramón. Al segundo le di una letrilla para la danza: “Donde hubo fuego…”. Y al tercero otra –“Ven, mujer” – para el vals. Lole, que tenía casi acabada una jota, terminó de escribirla en colaboración con Andrés, reunidos conmigo una lluviosa tarde de domingo en casa de éste y a cuya partitura, días más tarde, le “puse” una letra alusiva al nombre de la Comparsa, titulándose, por lo tanto, “Interrogación”.[2]
Mentres, continuaban cos ensaios e o remate das letras das cancións foron resolvendo novos problemas e dúbidas como o nome da propia comparsa e o disfrace alusivo que empregarían. A solución veu da man do comerciante e director do “Heraldo”, José Eiroá, que tiña o seu establecemento, o “Siglo XX”, na Rúa de Pastor Díaz ao ensinarlles:
“(…) en su figurín un bonito disfraz que aceptamos sin la menor vacilación: pantalón corriente, flojo sin exageración; blusón como el típico de los esclavos,y media capa forrada en raso blanco; sobre el pecho del blusón una gran interrogación también en raso blanco y otras iguales en cada lado de la capa. Las tres prendas se confeccionarían con satén negro, de seda, del que también se recubrirían las amplias boinas, adornadas con una larga pluma.”[3]
Unha vez solucionada a idea do disfrace e do nome da Comparsa, o problema principal era como financiar o elevado custe das telas de raso e satén que encargaron a un comerciante catalán que lles amosou o seu amplo mostrario contido nun enorme “baúl-mundo” que gardaba na súa habitación do Hotel Venecia. Das garantías do pago encargouse a señora Carmen da Pinicha, propietaria da xastrería “La Tijera de Oro” na que Andrés de Cidre era cortador.
Tan só houbo unha lene disputa para elixir quen sería o abandeirado´e ao ofrecerse dous candidatos, decidiuse que fose Justo Pérez López que aportou unha fermosa bandeira de seda branca, cunha interrogación en negro no centro co título “Comparsa Vivariense”, bordado en letras azuis por Balbinita Carabelos.
Últimos ensaios e presentacións públicas en Viveiro, Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo e Asturias
Os avances nos ensaios eran constantes e o “Heraldo” do 23 de xaneiro de 1932 avanzaba a seguinte nova previa a saída da Interrogación:
“Hemos asistido a algunos de sus ensayos, y, en verdad, nos ha gustado sobremanera la labor del conjunto, pues tienen un selecto repertorio de canciones, que, sin duda, habrá de gustar mucho, aparte de que lo mismo los instrumentistas que las voces son los mejores de esta ciudad, por haber sido seleccionados perfectamente.
Forman un grupo de 19 individuos en total, o sean 12 instrumentistas y 7 voces; y tienen proyectada una excursión por diversos puntos de esta provincia de Lugo, Coruña y Asturias”.
A presentación pública da Interrogación tivo lugar nunha mañá soleada do día 2 de febreiro, martes da Candelaria, data considerada oficialmente como da apertura do Ciclo de Entroido, pois nela tiñan lugar os primeiros bailes nos Salóns de Goás de Landrove e no Teatro da localidade. O lugar de saída foi a Rúa Fernández Vitorio, fronte a sede da Sociedad del Ramo de Construcción, local dos ensaios da agrupación. En formación e debidamente uniformada a Comparsa dirixiuse cara ao Concello, onde foron agasallados e recibidos polo alcalde Pérez Abadín.
Ao día seguinte, o 3 de febreiro, saíron ás 8 da mañá en autobús para Vilalba, onde actuaron e xantaron para partir de novo ás 4 da tarde cara Mondoñedo; alí deron un pasacalles e actuaron no Casino. O xoves, 4 de febreiro, a mediodía, marcharon a Ribadeo, onde xantaron, desfilaron e pernoctaron, para chegar ao día seguinte a Navia onde ofreceron un concerto no Ateneo e de aquí, ás 12 da noite a Luarca. Na vila asturiana, permaneceron durante todo o día 6, participando o sábado nunha velada no Círculo de Artesanos. Regresarían na mañá do domingo a Viveiro, a onde chegaron sobre as tres da tarde. A entrada fixérona pola estrada dende a Praza de Abastos até a Feira vella tocando o pasacalles“Tabariqués”. Ao chegar ao Castelo da Ponte atopáronse coa carroza das “Galdrapas”, cabaret humorístico no que facían as delicias do público Niquitrís, Cesarito e Pepé, vestidos de bailarinas, xunto con Kri-Kri, prestidixitador e malabarista; Latorre, o mellor ventrílocuo do mundo; “O Rebolo”, medio espido, de domador de feras, dándolle xasteirazos ao Areas, que representaba unha fera salvaxe dentro dunha gaiola. Ademais da actuación das “Galdrapas” no Entroido de Viveiro de 1932 tamén actuou a Rondalla “Los Chinos” da Agrupación Musical de Celeiro, dirixida polo pianista salmantino Juan Sánchez Quintero.
Logo do grande éxito obtido na xira por distintas poboacións galegas e asturianas, os compoñentes da Interrogación fixeron contas e o total recadado ascendeu a 2.058,20 ptas, ás que lle había que descontar 1.839,35 que sumaron os gastos. Malia a iso, o recadado foi un importante éxito para a época, pois ademais había que sumar unha grande cantidade de puros habanos e botellas de licor recibidas como agasallo. Feito o reparto a maioría dos rondallistas decidiron realizar unha cea de confraternidade que se celebrou o día 13 no Hotel Comercio.
Durante os anos 1933, 1934, 1935 e 1936 o Entroido viveirés acadou un grande auxe, aumentando moito a participación popular, máis o inicio da guerra civil (1936) e a obrigada paréntese da posguerra motivou que a festa ficase reducida aos Salóns e Casinos debido ás prohibicións do novo réxime franquista. Tan só a partir de 1952 e, especialmente, a inicios da década de 1960, o secular Entroido local volvería a reverdecer cunha forza extraordinaria.
[1] Nistal, J. Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi. Seminario de Estudos Terra de Viveiro, 2000.
[2] Ibidem.
[3] Ibidem.
Artigo publicado en «Heraldo de Vivero», 11 febreiro de 2022
FUENTE: https://viveirocronista.blogspot.com/2022/02/asi-vamos-ben-no-antroido-de-1933.html
Calendario
L | M | X | J | V | S | D |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | 2 | 3 | ||||
4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 |
11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 |
18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 |
25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 |