LA CASA TORRE DE JUAN ARES VIZOSO NA RÚA DO MEDIO DE VIVEIRO

POR CARLOS NUEVO CAL, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO (LUGO).

Casa torre que pertenceu a Juan Ares Vizoso de Bahamonde (Foto: J.M. Paleo)

Entre as distintas edificacións e construccións singulares que conforman o casco histórico da cidade de Viveiro, consideramos de grande interese arquitectónico a casa nº 24, situada na actual Rúa Rosalía de Castro (antiga da Pilitaria, Carniçería, Travesa, do Medio ou Mina), na que destaca un fermoso arco de medio punto con grandes dovelas e escudo heráldico da familia do fundador encima.

A casa torre pertenceu ao viveirés Juan Ares Viçoso de Baamonde, destacado membro da fidalguía local e comercial do s. XVI, señor do Coto de Caxoto, señorío que herdou da súa tía dona Leonor Viçoso de Baamonde, que fora esposa do rexidor Pedro Pardo de Cela “O Rubio”; este deixara establecido nas súas mandas testamentarias que co produto da venta dos seus bens se construíse a Sancristía (1563) da igrexa de Santa María do Campo. Juan Ares era tamén o señor da casa solar de Viçoso na vila de Viveiro e do lugar de Bolaño, en Castroverde; tiña outras posesións en Viloalle e Cesuras (Mondoñedo), herdadas do seu pai Juan Ares de Viçoso e era dono do casarío das Seixas, que fora do seu tío Ares Pérez de Viçoso. Ademais, exercía o seu poderío  sobre as súas posesións dos lugares do Souto (Landrove), Xavaríz (Galdo), Sandar e San María de Corbelle, xunto con outras propiedades na Terra de Viveiro e do beneficio de Santo André de Boimente.[1]

Igualmente, desenvolveu, en diferentes mandatos, os cargos de Procurador Xeneral da vila e da súa xurisdición,[2] en representación do antigo linaxe dos Viçoso e dos Cora. Así mesmo, exerceu como Rexidor en 1549 e como Tenente Correxidor durante o ano de 1572.  Casado con dona Urraca Fernández de Cordido coa que non tivo sucesión, fundou vínculo coa prohibición de vender ou ceder os seus bens e dereitos, ao tempo que establecía o maiorazgo entre os seus sucesores, nomeando como primeiro posuidor ao seu sobriño Juan Ares de Vaamonde, fillo natural do seu irmán Pedro Viçoso de Vaamonde e, no caso de que non houbese outros descendentes varóns, o maiorazgo pasaría aos sucesores da súa sobriña Clara Martínez de Baamonde ou de Rodrigo Alonso Alfeirán, respectivamente.

O arcosolio sepulcral en Santa María do Campo

Ares Vizoso faleceu en maio de 1574, debido ao contaxio da peste bubónica e foi soterrado na igrexa de Santa María do Campo, nun arcosolio sepulcral, situado na ala norte da igrexa que ostenta dous escudos armeiros, o da dereita amosa as armas dos Viçoso, e o da esquerda ás dos Moscoso, Cordido e Luaces, xunto coa seguinte inscrición:

 “ESTE SEPVLCRO HIZO AZER IVAN ARES VIÇOSO FUE SV BOLUNTAD QUE NADIE SE ENTERA .. EN EL. AÑO 1573”.

Os escudos de armas do arcosolio sepulcral son moi semellantes aos da casa torre  da mencionada Rúa do Medio e ao que está ubicado na fachada do antigo pazo do Cristo dos Malates, no vello camiño real. Este escudo estivera antes nunha casa da Rúa da Nogueira ou de Quiroga, actual Fernández Victorio, que tamén era propiedade de Juan Ares Viçoso, mais por mor dunhas obras foi trasladado modernamente por Pilar Díaz Ortega á súa actual ubicación no Pazo dos Malates.

Na actualidade, a devandita casa de Juan Ares Viçoso coñecida popularmente como “Casa de Rosariño dos Queixos”, por dedicarse a súa antiga propietaria Rosario Pena Trobo a revender os afamados queixos de Cabanas e Riobarba ou, mesmo, a traballar como fondista de estudantes até principios da década dos anos 70 do pasado século XX, está dedicada a negocio de copas e lecer, polo que sufriu distintas modificacións que afectaron a súa estrutura interna, como a desaparición dunha impresionante cociña con lareira e columnas de cantería e a destrución dunhas singulares cabaleirizas, situadas na planta baixa da rúa de Fernández Victorio ou “Rompeteelalma”. Os pubs que levan funcionando no local nos últimos anos foron: O Zoppos, Kiev e Guini, hoxe en día.

Hai poucos anos, as novas rexentes da casa-torre, asesoradas pola oficina técnica do Concello de Viveiro, restauraron convenientemente a fachada do edificio, aínda que sería de desexar a supresión ou nova construcción en madeira e cristal dunha antiestética estructura de uralita plástica que sobresae por riba do muro adosado á casa e que desvaloriza o magnífico conxunto arquitectónico.

[1] Santiago F. Pardo de Cela /Carlos Adrán Goás, Regidores del Concejo de Viveiro (Siglos XV al XIX), 2014.

[2] Donapetry Iribarnegaray, J., Historia de Vivero y su Concejo, páxs: 395 e 396.Viveiro, 1953.

FUENTE: https://viveirocronista.blogspot.com/2024/07/casa-torre-que-pertenceu-juan-ares.html

Sin Comentarios.

Responder

Mensaje