A TRAXEDIA DO ALBATROS, 70 ANOS DUN NAUFRAXIO CON CATORCE VÍTIMAS
Nov 26 2024

POR XOSE MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS COMO CRONISTA OFICIAL DE RIBEIRA (PONTEVEDRA)

Este 15 de novembro está marcado na historia da bisbarra como un dos sucesos máis tráxicos da costa galega, no que catorce mariñeiros perecerían no pesqueiro Albatros. Corrubedo sería o pobo do que procedían a maioría das vítimas, en concreto oito, dous de Muros e un de O Son, outro de A Pobra, Ferrol e Xixón.

O Albatros era un pesqueiro de 35 metros de eslora que faenaba no Cantábrico. A súa tripulación estaba formada por homes de distintas idades e orixes, moitos deles mariñeiros experimentados, pero tamén novos que se sumaron á tradición pesqueira das súas familias.

O 9 de novembro de 1954, o barco partiu de Xixón como facía habitualmente. A previsión meteorolóxica non anunciaba nada extraordinario e o mar parecía tranquilo na mañá daquel luns. O afundimento tivo lugar a seis millas de Cedeira. Segundo as investigacións, a causa foi un inesperado cambio nas condicións do tempo. A tormenta que sorprendeu ao pesqueiro estaba acompañada de fortes ventos e ondas xigantescas, factores que desestabilizaron rapidamente o barco.

O Albatros atopábase en rota ao porto da Coruña coa súa parella o Alcaudón cando o tempo comezou a empeorar, polo que decidiron adiantar o regreso. O buque informou a este último que debido o mal tempo chegaría a porto pasadas as oito da tarde.

Segundo a testemuña do único sobrevivente, o mariñeiro de Miño Juan Varela Fernández, a nave foi golpeada por unha enorme onda que a deixou á deriva, perdendo a capacidade de manobrar e controlando cada vez menos a estabilidade do casco. Inmediatamente outra onda inundou o barco, que comezou a afundirse de popa levantado a proa cara arriba e índose rapidamente o fondo.

No momento no que se envorcou, algúns tripulantes estaban en cuberta despois de cear e outros estaban no interior. Uns foron barridos da cuberta e algúns quedaron atrapados dentro da embarcación ou foron arrastrados polo mar.

O único supervivente narrou que puido subirse o bote salvavidas mentres os seus compañeiros lle indicaban que cando chegase ao mesmo o retivese e esperase por eles. Cando logrou subir desmaiouse durante uns minutos, mentres escoitaba as voces dos compañeiros que pouco a pouco ían perdéndose sen que puidera facer nada por eles. Doce horas estivo a bordo, ata que chegou á praia de Baldaio onde foi socorrido por veciños.

A historia do naufraxio conta con anécdotas e curiosidades como a que fixo que un dos mariñeiros quedara en Xixón xa que fora despedido, o que lle salvou a vida. Seu pai estaba no peirao da Coruña pensando que era unha das vítimas ata que o supervivente lle informou de que se salvara. Precisamente, Juan Varela, aínda que lle tocaba descansar, substituíu a un compañeiro enfermo.

Co paso das xornadas recuperáronse algúns dos corpos, un deles a altura de Fisterra unha semana despois de que tivera lugar o afundimento. Ese mesmo venres celebraríanse honras na parroquia coruñesa de Santa Lucía e o Estado enviaría axudas ás familias das vítimas.

FUENTE: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/2024/11/15/span-langgl-traxedia-do-albatros-70-anos-spanspan-langgldun-naufraxio-catorce-vitimasspan/0003_202411B15C4992.htm

 

 

Calendario

noviembre 2024
L M X J V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Archivos

UN PORTAL QUE CONTINÚA ABIERTO A TODO EL MUNDO