POR CARLOS FRANCISCO NUEVO CAL, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO (LUGO).
A feira de Galdo competía co mercado que había os sábados en Viveiro
As feiras e mercados comarcais de Galicia tiveron sempre unha importancia de primeiro orde no concerto económico-social do país. Mesmo son moitos os pobos e vilas que deben a súa orixe e posterior desenvolvemento ao establecerse unha feira, por exemplo, O Carballiño en Ourense, ou Ferreira do Valadouro nas terras do Norte lugués. No caso concreto da Feira das Maulas, que se celebra o segundo domingo de maio na parroquia de Galdo, non podemos precisar con exactitude a súa orixe, aínda que si sabemos grazas a un Real despacho do Consello de Castela datado o 14 de febreiro de 1719, que con anterioridade a esta data xa se viña celebrando, polo menos dende vinte anos atrás, un mercado no sitio denominado da Paleira xunta á ermida de Nosa Señora de Guadalupe.
Iniciativa dos veciños
A feira mensual de Santa María de Galdo que se celebraba todos os segundos domingos de cada ano e mes, pódese considerar inicialmente como unha feira franca ou libre, é dicir, tratábase dun mercado nacido exclusivamente baixo a propia iniciativa dos veciños. Esta orixe espontánea, sen ningún tipo de control nin suxeición ás prerrogativas e ordenanzas da Facenda Real, axiña motivou as airadas protestas do Concello de Viveiro. Sucedía que a medida que a feira de Galdo acadaba un maior desenvolvemento e auxe comercial, o mercado semanal que se celebraba todos os sábados na localidade viveiresa esmorecía cada vez máis debido á forte competencia que lle facía a feira franca de Galdo. Unha feira na que se “beneficiaban” por aquelas datas todo tipo de produtos como viño, aparellos de labranzas, gando, ferraxes, pan, grans, panos, liño, lenzos, estopa e froitas, principalmente.
En adiante, a partires de 1714 e até 1720 producíronse diversas tirapuxas e liortas entre os veciños da xurisdición de Galdo, pertencente naqueles anos aos condes de Fuensaldaña, e o Rexemento viveirés. Os preitos, denuncias e prisións foron constantes ao longo destes anos, debido á forte presión que exercían as autoridades viveiresas para obrigar aos veciños de Galdo ao pago de distintos tributos, alcabalas e centos por mor da feira.
Legalizada en 1721
Porén, a feira franca de Santa María de Galdo obtivo por fin a tan desexada legalización a través dunha Real Cédula, concedida en 1721, ano no que tamén conseguiron legalizarse, entre outras, as feiras da Pascua de Covas ou as de San Bartolomeu en San Isidoro do Monte.
Sen dúbida, a existencia das feiras francas e dos mercados comarcais, debíase á propia estrutura xeográfica e parroquial de Galicia, que precisaba das feiras como centros de venda e abastecemento dunha poboación maioritariamente illada e rural.
Grande era tamén a abundancia de feiras e mercados na antiga provincia de Mondoñedo, onde se celebraban vinte feiras anuais, trece mensuais e tres semanais. Deste cómputo xeral da Mariña, correspondíanlle a Viveiro nove feiras anuais, unha mensual, en Galdo e unha semanal en Viveiro.
A proliferación das feiras francas e os intentos de control económico por parte da Facenda Real motivaron a finais do século XVIII a intervención de deputado xeral do reino de Galicia, Antonio Jacinto Sotelo de Novoa y Armesto, que houbo de defender ás feiras galegas fronte ás disposicións da Dirección Xeral de Rendas. Ademais da tradicional oposición da Facenda Real, noutros casos as feiras francas toparon coa oposición da igrexa que atacaba o feito de coincidir as mesmas en días festivos, alegando a non asistencia dos fregueses á misa dominical. Este feito, en moitos casos, explicaría a erección de multitude de capelas nas proximidades dos recintos feirais para cumprir co precepto como nos conta o poeta viveirés Alfredo García Dóriga, no seu poema a “Feira de Galdo”: qu´un home n-a porta avisa/ o que drento fay ó crego./ Y´-os que do tempro están fora/ lles berr´así: -¡Presinarse!…
No ano 1800, nuns momentos de gran esplendor da feira mensual de Galdo, Ramón María Osorio Rebellón, Rexedor perpetuo da capital mindoniense solicitaba do Xuíz da Xurisdición de Santa Mª de Galdo noticias sobre a celebración da Feira e os produtos que nela se vendían. Dada a abundancia dos mesmos consideramos oportuno facer referencia cando menos aos máis destacados, pois proba a presenza de numerosos comerciantes e “traxinantes” maragatos, leoneses, zamoranos, viscaínos, valenciás e catalás que vendían nos seus postos todo tipo de tecidos de Castela: baetas, cobertores, “segobias e somontes”, panos, potes, olas e caldeiros de metal de Biscaia, fíos e quincalla de Barcelona, medias e cintas de seda de Valencia, navallas de Francia… Ademais da venda de todo tipo de gando tamén se ofrecían multitude de xéneros do País como: viño, gran, queixos, manteiga, cera, mel, pan cocido, peixe fresco e salgado, liño, cerros, coiros, zapatos, ferraxes, cravazóns, potes, olas, cribas e peneiras, madeiras para arados, coitelos e fouciños…
Cara a finais do século XIX, os veciños de Galdo decidiron denominar como Feira das Maulas a celebración do segundo domingo de maio, reforzando, se cabe, un pouco máis a feira tradicional e remarcando o novo carácter da feira anual. Coa finalidade de favorecer as transaccións comerciais existían unha serie de postos fixos que alugaban os comerciantes e vendedores.
Carreiras de cabalos “perigosas”
Nestas datas tamén se puxeron de moda as carreiras de cabalos que eran un dos maiores atractivos da feira, malia ás censuras que realizaba o semanario El Eco de Vivero (15-5-1898), por mor dos perigos que puidesen carrexar para o público:
“La feria de Mayo verificada en Galdo en el pasado domingo, estuvo muy concurrida. En ella registrose un caso que pudo tener fatales consecuencias. Uno de los caballos de la “ carrera”, dió un fuerte empujón á una joven de esta ciudad, que se acercó demasioado, ó pretendió tal vez atravesar la línea, derribándola y ocasionándole una contusión que, afortunadamente, no ha resultado de gravedad.
Ya antes de ahora hemos clamado contra tales “carreras de caballo”, diversión inconveniente que puede ocasionar lamentables desgracias, pero por lo visto, hasta que ocurra una “gorda”, no se adoptará medida alguna”.
Co paso dos anos, a feira continuou evolucionando e a principios de 1902 o Concello de Viveiro aprobou a creación dunha nova feira para toda clase de ganado e froitas, que se celebraría no mesmo lugar, o cuarto sábado de cada mes.
Finalmente, desapareceron as feiras do segundo domingo e do cuarto sábado, en Galdo, conservándose únicamente a Feira das Maulas que nos últimos anos, grazas ao esforzado traballo das distintas comisións, semella volver a recuperarse con forza.
Artículo publicado en Heraldo de Vivero (7/05/2021)
FUENTE: https://viveirocronista.blogspot.com/2021/05/antiga-ponte-de-portochao-en-galdo.html