POR HERMINIA PERNAS OROZA, CRONISTA OFICIAL DE BURELA (LUGO).
O mes de febreiro remata a súa primeira quincena cun tempo frescachón e unha sucesión de días grises e tristeiros, en consonancia coas conversas mantidas polos vellos lobos de mar da Moncloa de Burela. A fala que estaba na boca de todos era a do naufraxio do pesqueiro “Villa de Pitanxo.
Non é propio dos mariñeiros falar deste tipo de sucesos, polos que a dicir verdade, levan pasado case todos. “Galernas e temporais todo o mundo os colleu algunha vez, e afortunado é quen pode contalo”; pero non obstante non o contan e se alguén insiste na pregunta viran a conversa en seco.
“Hai que tirar para diante… cousas da vida que van implícitas na profesión” é o máis que chegan a dicir. Neste punto cómpre dar un golpe de temón e preguntar doutro xeito, por exemplo, que hai que facer ante un temporal no mar?
Agora a charla vólvese máis fluída. “Hai que capealo non largando os aparellos e poñéndose á capa”. A explicación é sinxela: hai que aguantar o temporal poñendo o barco de proa ata que amainen o vento e o mar. Deste xeito, as vagas impactan polas amuras, e evítase que a nave se atravese e corra o risco de ser golpeada por unha onda que rompe.
Cando o temporal é moi forte hai que adaptarse ás circunstancias e cada quen bota man das súas defensas. Hai moito tempo, tirábase gasóleo ao mar para “suavizalo” e tamén se contaba coa áncora de capa, que adoitaban levar os barcos boniteiros, especialmente os que andaban aos viveiros. Consistía nunha roda de coche, aínda que tamén se podía facer de lona, á que armaban con táboas da neveira do barco e encima levaba un triángulo de ferro cunha argola. No momento de botala, o barco tiña que estar en popa para aguantar nesta posición sen mudar o rumbo. Tamén viña en axuda desta manobra o foque ou vela de proa.
O vocabulario referente ao mal tempo vaise completando aos poucos con outros termos como entrar ou ir “de arribada”, así chamada a acción de abeirar a nave, en caso de temporal, nun porto que non é no que ten que rematar a costeira. O porto irlandés de Castletownbere é sobradamente coñecido polos mariñeiros; sendo numerosas as familias que teñen recibido chamadas dende alí no decurso de costeiras do bonito ou do pincho mentres agardaban a que pasara o temporal.
Queda aínda por mencionar outro recorrente fondeadoiro, o da Estaca de Bares, que servía de abrigo aos boniteiros mentres agardaban que o tempo amainara.
E así, entre galernas, charpazos, salseiros e vagas de mar van saíndo datas e naufraxios pero sen estenderse moito. Quizás formen parte do loito interior que cada quen leva consigo e que non queren que saia a flote.
Ás veces, as mellores palabras son as que non se din pero que se adiviñan, especialmente ao mirar para os ollos destes veteranos mariñeiros. E é precisamente así, dunha forma sinxela e silandeira pero que o significa todo, como desexan transmitir ás familias dos náufragos do “Villa de Pitanxo” toda a súa solidariedade xunto cun fondo sentimento de pesar.
O mar só quere valentes. D.E.P.
Asociación de mariñeiros xubilados e afíns “A Moncloa”.
FUENTE: CRONISTA