POR JOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS, CRONISTA OFICIAL DE RIBEIRA (PONTEVEDRA).
A punto de cumprirse 104 anos do naufraxio, a obra “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, sae do prelo na súa terceira edición desde que hai vinte sete anos se publicara por primeira vez.
Na década dos noventa o autor publicou na prensa unha serie de reportaxes sobre a historia do naufraxio do vapor-correo, artigos que serían o xermolo do libro. Era a primeira vez que se daban a coñecer imaxes sobre a construción, o interior do buque e o naufraxio do transatlántico, recuperándose documentación inédita da traxedia.
A historia daquel tráxico suceso permanecera ata esa data no anonimato oficial durante décadas, se ben as vilas de Arousa gardaron na memoria colectiva a traxedia e comportamento dos habitantes da illa de Sálvora e da cidade de Ribeira.
As lendas e historias dos raqueiros, tan habituais nas costas galegas, volveron a aflorar tralo naufraxio do buque, se ben neste caso sen fundamento, como o amosaron os informes oficias, os escritos do capitán Esteban García Muñiz, e do segundo oficial do vapor, Luís Cebreiro, heroe este xunto os homes e mulleres da illa, de salvar a varias ducias de persoas.
Formato orixinal
Esta edición recupera o formato orixinal da obra na que en varios capítulos repásase a historia da illa de Sálvora coas súas lendas, a propiedade e como chega a Parque Nacional tras as vicisitudes desde que aparece citada por primeira vez na historia no século IX.
Conta tamén cun capítulo dedicado á historia da cidade de Ribeira desde as súas orixes cunha breve cronoloxía histórica. Outro dos apartados do libro centra o seu contido no desenvolvemento, fases de construción e catástrofe do vapor-correo.
A obra vai acompañada de despregables do transatlántico e aborda a posta da quilla, os datos técnicos do vapor, as súas singraduras e o naufraxio co seu desenvolvemento e rescate, así como os actos de heroísmo das mulleres e homes de Sálvora e o comportamento dos habitantes de Ribeira, que tanto recoñecemento tiveron na época.
Outros capítulo recolle o comportamento do segundo oficial do vapor, Luís Cebreiro, gran heroe do naufraxio e o oficial da mariña máis condecorado do primeiro terzo do século vinte. Outro capítulo recolle as testemuñas de persoas vinculadas o suceso e dos descendentes dos habitantes da Illa, ou a da dona do segundo oficial do transatlántico.
O autor
O autor, Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e Cronista Oficial de Ribeira, traballou e segue a traballar na recompilación de datos sobre o afundimento e o porqué do silencio da traxedia.
Aquela primeira edición de autor é xa unha obra de referencia sobre o naufraxio e esgotouse nas súas dúas primeiras edicións. O traballo publicado contou e conta aínda hoxe, con numerosas loas tanto polo escrito como pola edición, que hoxe, debido ás súas características, sería difícil e custoso de repetir.
A segunda edición que saíu do prelo no 2011 esgotouse tamén rapidamente e as múltiples peticións fan que a editora decidira sacar unha terceira edición actualizada. O libro conta cunha amplísima referencia gráfica e documental sobre o suceso.
Esta terceira edición limitada, está xa a venda nas librarías da comarca, na plataforma dixital pergamolibrary.com e a través do email vaporcorreo.santaisabel@gmail.com.