O DEVALAR DUNHA VIDA MARIÑEIRA
Mar 06 2022

POR HERMINIA PERNAS OROZA, CRONISTA OFICIAL DE BURELA (LUGO).

El tren de Galicia

Carmiña cubría a enquisa mecanicamente. Levaba moitos anos poñendo nos papeis a profesión do seu pai e sempre escribira a palabra mariñeiro con certa fachenda. Abofé que tivera moita sorte ao nacer no seo dunha familia mariñeira de toda a vida, pensaba mentres remataba de encher o formulario.

Quería con tolería ao seu pai e agora andaba a pensar qué regalo podía mercarlle xa que estaba a piques de xubilarse e a familia desexaba agasallalo cunha festa. Dubidaba de si ao pai lle gustaría celebrar a súa entrada en dique seco pero cumpría atopar un regalo axeitado porque a ocasión ben o merecía.

Para poñer en orde as súas ideas decidiu sentar nunha terraza e tomar un refresco; e mentres daba grandes grolos ao burbuxeante refresco, lembrou os moitos agasallos que seu pai lle levaba feito. E de súpeto, comezou a retroceder nas súas lembranzas ata cando tivo plena conciencia de que seu pai era mariñeiro e pasaba longas tempadas fóra da casa.

O primeiro recordo que tiña era do verán do ano setenta e tantos, cando un día, ao erguerse da cama, atopou na alfombra tres consistentes paquetes e quedou ollando para eles bastante desconcertada. ¿Os Reis Magos outra vez?. Non entendía nada pero abriunos de contado. Enseguida apareceron un triciclo, unha carteira para ir á escola e un carabeliño de vimbio. Ía empezar a berrar de contenta cando a súa avoa entrou na habitación indicándolle que gardara silencio. Mentres a vestía, contoulle que non foran os Reis Magos os responsábeis de todos aqueles regalos senón seu pai que viñera de marea a noite anterior.

Escapou como puido das enormes mans da avoa que loitaba por facerlle as coletas para achegarse ao cuarto dos seus pais. Abriu a porta despaciño xa que os ronquidos que chegaban ata ela indicaban ás claras que alí había alguén durmindo. Non traspasou a porta limitándose a mirar para o durminte. Perante estes recordos, Carmiña esbozou un sorriso, ¡cómo podía lembrarse tan ben daquela escena si soamente tiña seis anos!. Tal vez porque foi nese momento cando se decatou de que aquel home que aparecía de cando en vez e cara ao que levaba sentido verdadeiros ciumes porque durante a súa breve estadía na casa ela sentíase destronada, era seu pai. Contáralle que os regalos viñeran prendidos nas redes pero máis tarde soubo que daquela estivera nas costas cántabras e vascas “á anchoa”. Tamén se lembraba das primeiras liñas dunha carta que se recibira posteriormente na casa, pero só recordaba o comezo que era o seguinte:

Si eres buena, vas a la escuela, estudias la tabla y no haces rabiar a la abuela te compraré en Bilbao una bicicleta…

Un novo sorriso; era fácil entender o porqué non lembraba o resto, simplemente porque nunca agardou oír o remate da carta. Seu pai debía estar tolo cando a cría capaz de poder facer todas esas cousas xuntas. 

Seu pai dedicábase polo inverno á pesca do arrastre e durante o verán á do bonito, e nunha destas costeiras a avoa foise para sempre deixando a Carmiña moi desacougada. As noites que seu pai non durmía na casa tiña pesadelos e só se calmaban ao oír os seus ronquidos. Parecía unha parvada pero o feito de sentilos dáballe tranquilidade. 

Co paso dos anos Carme converteuse nunha rapaciña que disfrutaba cada vez que ía ao porto para agardar ao seu pai despois dos vinte días que duraba unha marea do bonito. A chegada dos barcos supoñía para ela toda unha aventura, mais fermosa aínda si se producía de noite, cando o peirao descansaba da intensa actividade diúrna. Agora, só oían o motor dalgunha tarrafa que saía ou entraba, o rumor das ondas ao bater contra o peirao e de cando en vez, a conversa entre as mulleres dos mariñeiros que agardaban pacientes a chegada dos barcos. Cando se demoraban moito, Carme ten quedado durmida animada pola calor das noites estivais e contemplando o reflexo da lúa e das luces do porto no mar. Espertaba coas voces da xente cando se divisaba ao lonxe unha luz, que cada vez se ía facendo máis e máis grande ata quedar convertida nun maxestoso barco que comezaba decidido as manobras de atraque.

Era inconfundible a chapela vasca que sempre levaba seu pai, vestixio que conservaba da súa estadía no País Vasco e da que non prescindía nunca. Devecía por subir a bordo pero tiña que conformarse con agardar a que saltase a terra, e vaia que sempre era dos últimos en abandonar o barco despois de inspeccionar todas as cousas detidamente.

Principiaba entón o ritual que a rapaza coñecía moi ben e que verán tras verán se repetía: esa noite contáballe ao seu pai todas as novidades: era o momento dos aloumiños. Sabía que xa non volvería velo ata a noite seguinte en que chegaría á casa derreado trala descarga do peixe pero cunha expresión xubilosa nos ollos. Carme procuraba non amolalo e a penas lle falaba. Mentres ceaban, mirábao en silencio fixándose nas súas rudas mans, sempre sucadas por pequenas feridas.

O día seguinte pasábao na casa con elas pero a súa nai sempre atopaba algo que el tivera que arranxar, de modo que, chegada a noite, cando se despedían, Carme pensaba que marchaba case tan canso como viñera dous días antes. Sempre lle fixo gracia á rapaza o feito de que seu pai, hábil mariñeiro no mar, parecese en terra firme pouco menos que un “pato mareado”. Anos despois entendeu esa especie de matriarcado que caracteriza ás familias mariñeiras.

Chegado o outono, o barco cambiaba de actividade para dedicarse á pesca do arrastre; mais pesada se cadra que a costeira do bonito. Tampouco agora lograba ver con frecuencia ao seu pai pero sabía que case todas as noites viña á casa aínda que fose só por un par de horas. Os seus horarios eran incompatibles; cando el chegaba ela xa estaba durmindo; e cando se ía, proseguía a durmir. Isto non significaba que non se comunicasen, posto que ela deixáballe mensaxes enriba da mesa ou lle facía prometer á súa nai que lle dixera isto e o outro.

Co tempo, tamén Carme cambiou de actividade marchándose para estudar na universidade. Adoitaba entón bromear co seu pai sobre a súa situación: ela pasaba uns nove meses fóra da casa e seu pai preto dela, e cando ela volvía para pasar o verán, marchaba el para a costeira do bonito. “Así túa nai non queda nunca soa” lle dicía.

En plena costeira un barco do pobo foise a pique perdendo a vida varios mariñeiros Toda a parroquia acudiu ao funeral, ao que Carme non quixo faltar pero só recorda que mirando para seu pai, sentado a carón dela, con cara de tristura, botouse a chorar. A partir dese feito, colleu a costume de quedar mirando na porta da casa cada vez que seu pai marchaba de marea, ata que o perdía de vista. 

Nunca foron despedilo ao porto, abondaba cun sinxelo “ata a volta” pronunciado por muller e marido ante a porta da casa; e a rapaza sempre se preguntaba ¿e se non hai volta?. Non había dúbida de que o seu pai amaba o mar, a ese mar que fora sempre a súa vida; o mesmo que creara engurras na fronte da súa nai e lle facía ter os ollos entornados de tanto miralo;  e ao que as familias mariñeiras uniron para sempre o seu destino, que pode virar en angustia ante a falta de novas dos barcos en días de temporal ou en traxedia cando o mar acolle para sempre no seu ventre a un ser querido.

Un bo día seu pai decidiu dedicarse todo o ano á pesca do arrastre e Carme alegrouse moito. Durante o verán podía ir agardalo ao peirao a diario e polo inverno podía esperalo na casa, aínda que a que o agardaba de corazón era a súa nai, xa que ela durmitaba no sofá, e a maioría das veces nin sequera se decataba da súa chegada ata que a espertaba. Lonxe quedara a época das mensaxes e dos encargos, agora falaban un fronte do outro aínda que a Carme lle custase horas de sono. Moito menos durmía seu pai e alí estaba todo contento.

Tamén se acordou Carmiña de cando se aprobou o descanso dominical para os mariñeiros. Fora un proceso longo pero finalmente saíra adiante. Significou moitas cousas e entre elas, un maior acercamento dos mariñeiros ás súas familias. Entre Carmiña e seu pai significou rematar un asunto pendente desde había moitos anos: a derradeira vez que estivera co seu pai na praia era moi pequena e recordaba como intentaba aprenderlle a nadar. Cando a rapaza por fin o conseguiu seu pai non puido comprobalo. Agora faltoulles tempo para retarse.

Pero os anos foron cumpríndose e o que antes era aventura agora é moito traballo, moito perigo, as forzas van a menos e Ramón toma a decisión de atracar a porto para converterse en vello lobo de mar e rematar así a súa andaina mariñeira, desenvolvida desde os doce ata os sesenta anos (“sen ningunha baixa, eh!”, dicía con pouca disimulada fachenda).

Xa abondaba de tantas lembranzas. Carme ergueuse e aínda sen moita idea do que ía mercar, dispúxose a mirar escaparates.

FUENTE: CRONISTA

Add your Comment

Calendario

noviembre 2024
L M X J V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Archivos

UN PORTAL QUE CONTINÚA ABIERTO A TODO EL MUNDO