POR HERMINIA PERNAS OROZA, CRONISTA OFICIAL DE BURELA (LUGO).
Nacía cos albores do século XX, na localidade de Burela, unha fábrica de cerámica (Cerámicas Guisasola) que comezaba a súa produción en 1903 e tiña como elemento máis destacable unha impoñente cheminea de 37 metros de altura, que durante moitos anos, e sen pretendelo, converteuse en punto de referencia para a pesca de baixura, e de orientación para a entrada no porto.
Pero, por que se levantou en Burela? A razón é ben sinxela, pola consideración que alguén fixo da súa contorna como posuidora de valores económicos, isto é: abundancia de materias primas de excelente calidade (arxila refractaria, caolín, feldespato), a presenza dun porto (que sería ampliado e mellorado) e a facilidade de almacenaxe de mercadorías na zona portuaria. Como se di no mundo do mar, non abonda só con ver senón que hai que saber mirar e interpretar o que se ve.
Poucos anos máis tarde (en 1908), a fábrica muda o seu nome polo de “Leandro Cucurny y compañía, sociedad comandita” e volverá cambiar de novo en 1917 para pasar a denominarse “Sociedad Cucurny Hermanos”. Co paso do tempo, a empresa coñecerá sucesivos propietarios e terá distintas denominacións, funcionando a partir de mediados dos corenta, co nome de “Materiales Cerámicos S.L.”. En 1972 rexístrase a súa marca comercial Gres Burela, iniciándose a que sería a derradeira etapa desta empresa, xa denominada “Fábrica Vella” e que en adiante coñeceríase por este nome ata que deu cabo definitivamente en 2013. Nove anos máis tarde está a desaparecer tamén fisicamente, o que é un claro indicio do desinterese por manter unha paisaxe culturalizada, que foi esmorecendo aos poucos.
O abandono de moitas instalacións industriais ten causado a decadencia dalgunhas vilas e cidades ou ben proporcionado a oportunidade de renovar amplas zonas urbanas como foi o caso de Bilbao. Desde o punto de vista cultural, xerou un campo de estudo relativamente recente, como é a arqueoloxía industrial, que ofrece a posta en valor, conservación e recuperación do patrimonio industrial, e con el dunha parte importante da memoria histórica das comunidades en que estas instalacións se crearon e desenvolveron.
Lamentablemente isto non sucedeu en Burela, onde se desmantelou o xermolo da súa industria ou leva camiño de facerse. Un paso importante neste proceso foi a derruba, en 1962, da cheminea da “Fábrica Vella”, e con ela caía tamén un símbolo da vila.
Tampouco sobreviviu a fábrica de gres de Farré e Jaureguízar, levantada moi preto da primeira; e igual sorte correron os muíños de feldespato, construídos no lugar da antiga fábrica de Enríquez, pasándolle o mesmo ao “novo” forno de encascar construído no peirao en 1942. Aínda persiste pero agonizando, o lavadoiro de caolín, no barrio de Os Castros e que data de 1942.
E se no noso rueiro pola vila baixamos ao porto, observamos que o característico “chigre” mariñeiro perdeu a súa esencia; a que por sorte seguen a conservar os talleres de Roca e Vizoso, que botaron a andar en 1957 e proseguen gozando de boa saúde. Magoa que non poidamos dicir o mesmo das naves da Veiga, nacidas tamén a comezos dos anos corenta.
Neste punto paramos de rueirar porque, de proseguirmos, abofé que veriamos outros exemplos de arqueoloxía industrial, mudas testemuñas dunha Burela emprendedora e laboriosa, demostrándose con isto que a vila nunca foi, como adoita dicirse, “un fato de casas ata non hai moitos anos”. A única maneira de demostrar este equívoco e poñer en valor o noso patrimonio cultural cara ao que permanecemos cegos ou non o sabemos ver.
E mentres que non recuperemos a nosa memoria industrial, trazaremos na nosa imaxinación múltiples roteiros por Burela: o dos seus barrios históricos; o roteiro mariñeiro; o industrial, o dos seus ríos e regatos, xa que nas súas orixes foi un humidal…. Un primeiro paso está dado coas Xeo-Rutas pero non abonda, fai falla máis traballo máis audacia e sobre todo traballo, moito traballo, só así se sae adiante, ao estilo da Burela dos nosos maiores. Na súa honra non podemos deixar que a nosa vila decaia. Comprobado está que ten potencial, só hai que saber administralo (cuestión de practicar e persistir). Quen vai materializar todo isto? Aí queda a pregunta para quen queira, saiba ou teña interese en responder.
FUENTE: CRONISTA