RAMÓN DÍAZ FREIXO, UNHA FIGURA HUMANITARIA TAN CONTROVERTIDA COMO POPULAR NO CENTENARIO DO SEU PASAMENTO (1924-2024)
Jul 20 2024

POR CARLOS NUEVO CAL, CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO (LUGO).

Ramón Díaz Freijo (1848-1924)

Adral

Durante máis de medio século exerceu na nosa localidade o popular médico viveirés Ramón Díaz Freixo, quen deixou un recordo inesquecible tanto dende a súa faceta profesional entregado aos labores sanitarios, como polo seu grande perfil filantrópico de atención e socorro permanente ás clases máis desfavorecidas. Tan fonda foi a pegada marcada polo recoñecido galeno, xornalista e político local republicano, que os viveireses logo da súa morte decidiron erguer un monumento na súa memoria en homenaxe póstuma pola á súa exemplaridade de bonhomía, acción caritativa e dun excepcional compromiso ético.

Debido ao persistente estado de precaridade do sistema sanitario e á pobreza material da maioría da poboación nos tempos da Restauración borbónica (1874-1924), moitos médicos tanto rurais como vilegos víronse obrigados a atender as necesidades básicas dos máis desfavorecidos. Tal indixencia motivou que fose moi común na maioría das localidades, a existencia de distintos profesionais da beneficencia pública, capaces de resolver partos ou atender calquera tipo de urxencias cos mínimos recursos e nas peores condicións hixiénicas e sanitarias. Certamente, era tan importante a súa disposición e humanidade que durante as longas invernías os médicos víanse obrigados a percorrer longas distancias, viaxando a pé ou a cabalo, para visitar aos doentes das aldeas e lugares máis apartados. Este labor esforzado e case heroico, axudou ao medre da sona e estima popular cara a determinados doutores que chegaron a ser recoñecidos agarimosamente como pais dos pobres. Tal foi o caso de Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo, ou do noso Ramón Díaz Freixo, pois non só non cobraban polos seus servizos senón que, incluso, teñen deixado distintas axudas para que os doentes puidesen mercar manciñas ou tratar de remediar no posible a mísera situación económica na que se atopaban.

O comportamento benéfico destes médicos altruístas e librepensadores, deu lugar a un prototipo de sanitarios de ideoloxía republicana, masóns, anticlericais e de “longa barba federal”, que marcaron toda unha época entre as xentes máis humildes debido a súa grande humanidade.

Aproveitando o centenario do pasamento de Ramón Díaz Freixo analizaremos as dúas facetas nas que máis destacou tanto como profesional médico ou como militante republicano.

Nacemento e anos de formación en Viveiro, Mondoñedo, Lugo e Madrid (1848-1873)

Naceu Ramón María Díaz Freijo González, ás sete da tarde do día  27 de xullo de 1848, na vila de Viveiro, nunha casa da antiga Rúa do Valado, como segundo fillo do matrimonio formado por José Díaz Freijo Casariego e Josefa González. O seu pai, que era natural de Viveiro pero con antecesores en Mondoñedo e Burón (A Fonsagrada), traballaba de alguacil e, posteriormente, faríao como procurador e secretario do axuntamento de Riobarba, oficio este último que desenvolveu durante longos anos co alcalde liberal Aniceto Cora Ribera. En canto a  súa nai, proviña de Santa Mª de Xerdiz (Ourol), onde residía a súa familia. Ademais, do noso protagonista, o matrimonio tivo outro fillo chamado Ricardo, dous anos maior que Ramón, así como outro irmán nacido en 1852 pero que finou aos dous anos e medio por mor dunha inflamación ao ventre.

Axiña, Ricardo e Ramón recibirían a primeira formación educativa na escola pública da nosa localidade, complementada coas ensinanzas doutros mestres particulares como o crego José María Baño López, profesor de latinidade en Viveiro, onde tamén exercía como párroco castrense. Tempo despois, os irmáns Díaz Freijo ingresaron como internos no Seminario conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo para estudar a carreira sacerdotal. Na cidade episcopal, o mociño Ramón aprobou as materias de grego, historia e retórica, mais ao non querer continuar coa carreira eclesiástica, coma si faría o seu irmán Ricardo, o seu proxenitor, decidiu envialo a Madrid para estudar o bacharelato. Na capital fixou a súa residencia na casa da súa tía materna Antonia González, matriculándose no Instituto de San Isidro, onde cursou e aprobou os dous primeiros anos de bacharelato. Logo, por cuestións económicas, o pai decidiu reunir en Lugo aos dous irmáns trasladándolles as súas matrículas, respectivamente, ao Seminario e ao Instituto da capital da provincia, onde Ramón rematou o bacharelato e o irmán a carreira eclesiástica.

Despois de desbotar as intencións do seu pai para que ingresase como funcionario na Administración local, comezou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela até que por distintos motivos abandonou os estudos oficiais, rematando a carreira  por libre, licenciándose en Medicina e Cirurxía na Universidade de Madrid o 17 de decembro de 1873. Durante estes anos afiliouse nas fileiras do progresismo republicano e, mesmo, chegou a tomar parte en distintas protestas en contra da monarquía e a prol da causa republicana.

Os inicios da vocación e plena dedicación médica

Logo de obter o título de medicina comezou a exercer a súa profesión de xeito particular, participando de maneira altruísta xunto cos tamén médicos locais José María Ponte, Modesto Rebellón e Ramón Fernández Victorio na atención e curación dun grupo de soldados feridos durante o último levantamento carlista de 1874. Estes feridos da campaña do norte foran trasladados a Viveiro e instalados no hospital da Caridade e no local da escola pública de San Francisco, onde permaneceron até a súa curación.

Por mor do falecemento en 1875 do doutor José María Ponte (avó dos Vilar Ponte), que facía as veces de Director Médico de visita de naves do Porto e de facultativo dos Hospitais e Cárcere de Viveiro, Ramón Díaz Freixo pasou a ocupar de xeito interino a praza da inspección marítima do peirao viveirés. O novo destino de escala estatal, malia ao seu carácter temporal, estaba moi ben retribuído en comparación cos salarios da Beneficencia municipal.

Coa morte de José Mª Ponte, o Concello viveirés acumulou as dúas prazas existentes de médicos dos Hospitais da Caridade e San Lázaro, así como a dos Cárceres, no ciruxán Modesto Rebellón, que pasaba a cobrar os dous salarios. Isto motivaría que o noso protagonista presentase unha instancia ao Concello para que lle conferiran a praza de Médico dos Hospitais municipais que desempeñaría unha vez cesara na de Dirección do Porto, pois ambas eran incompatibles. A Corporación decidiu nomealo médico de Hospitais do municipio e manterlle o sobresoldo a Rebellón, mentres non se incorporase Freixo.

A nivel municipal Freixo e Rebellón encargábanse de todo o relativo aos hospitais e á atención gratuíta dos pobres e presos da localidade, xunto cos recoñecementos dos mozos ou familiares das quintas anuais.

Xeralmente, de cada dous anos o Concello nomeaba a Xunta de Sanidade que en xullo de 1883 estaba composta polos médicos: Manuel Quintana Río, Modesto Rebellón Pardo e Antonio Castiñeiras Leal e polos médicos ciruxáns: Ramón Díaz Freijo, Antonio Fernández Victorio e Benito Quintana Río. Asimesmo, formaban parte da Xunta os boticarios, cregos das dúas parroquias da localidade e algúns concelleiros.

Ao longo de 1884 e 1885 producíronse en Galicia e en Viveiro pequenos brotes de cólera que obrigaron aos concellos á maior das prevencións co establecemento de estritas normativas hixiénico sanitarias e a preparación da Casa Teatro e o Pazo da Misericordia como posibles hospitais en caso de contaxio. Houbo distintas recidivas e mesmo falecementos que Díaz Freijo tratou “como una gastroenteritis intensísima con todas sus consecuencias”, segundo conta L. Paniagua nunha Memoria histórica del Cólera Morbo Asiático en España. Despois de superada a pandemia e coa morte de Modesto Rebellón, continuou traballando como médico municipal de hospitais xunto co tamén facultativo Manuel Quintana Río, mentres que Eladio Vicente García Meitín encargaríase de San Lázaro e os Cárceres do partido.

Precisamente, en 1886, o Concello acordou retribuír aos tres médicos municipais con 750 pesetas que debían repartir a partes iguais coa condición de prestar os seus servizos a todos os pobres enfermos do distrito “asistiéndoles en sus domicilios, dándoles consultas gratuítas, expidiéndoles certificaciones sin exijencia de honorario alguno para los casos en que les fueren precisas, así como para acreditar su defunción y enfermedades bajo las que hayan fallecido ante el Registro Civil para proceder á su sepelio; y así mismo tendrán la obligación de hacer el reconocimiento de quintos y el de sus padres ó parientes, porque aleguen escepción sin más retribuciones que la que se les asigna”.

De novo, a principios de xullo de 1887, Díaz Freixo renunciou á praza de médico do hospital da Caridade para reincorporarse como director temporeiro da Sanidade Marítima. As continuas  tomas de posesión e cesantías na administración pública eran do máis usual no réxime da Restauración e, case sempre, se producían polos cambios de goberno (cesantía política), por conveniencias do servizo ou doutros intereses. Neste caso a Administración tiña todas as prerrogativas para levar a cabo os ceses por calquera dos motivos anteditos, por  enfrontamentos persoais  ou doutro tipo. No caso dos médicos municipais acontecía outro tanto con múltiples ceses e novas tomas de posesión por parte dos distintos profesionais da medicina tal era o caso dos irmáns Quintana Río, Díaz Freijo, Antonio Castiñeiras Leal, Eladio V. García Meitín, Eusebio Lorenzo Díaz ou Manuel Cordido.

Do posible traslado a Estepona á permanencia definitiva en Viveiro

Algo máis grave aconteceulle a Díaz Freixo cando en 1891 a prensa anunciaba o seu inminente traslado ao porto de Estepona en Málaga. A nova contábaa o semanario El Vivariense (15 marzo 1891), sinalando as motivacións políticas como posible causa do traslado:

“Ha sido nombrado director-médico de bahía  D. Manuel Pérez Marmolejo, que desempeñaba dicho destino en Estepona, y para este punto ha sido trasladado nuestro querido amigo don Ramón Díaz de Freijo, víctima en esta ocasión de la saña conservadora del Sr. Rebellón Zubiri”.

Malia ao concurso de traslados, Pérez Marmolejo non chegou nunca a tomar posesión do novo destino na nosa localidade e no seu lugar fíxoo interinamente, o tamén médico viveirés Manuel Quintana Río, moi próximo aos conservadores. Mentres, Freixo logrou conseguir unha excedencia coa que evitou o seu traslado a Estepona e puido continuar como médico particular en Viveiro. Se ben a prensa da época deixaba entrever que o traslado puidera deberse estritamente a motivos políticos, debido á decisión que tomara o noso protagonista de presentarse ás eleccións municipais, celebradas no mes de maio, e nas que saíra elixido xunto co liberal Antonio Amando Fanego, formando parte da minoría opositora ao partido conservador, dirixido polo deputado en Cortes por Viveiro, Ramón Rebellón Zubiri. O certo era que Freixo malia as súas diferenzas ideolóxicas mantiña boa relación coa familia Rebellón Basanta, pois con ocasión da enfermidade e morte de Bartolomé Basanta, sogro de R. Rebellón e antigo líder do partido conservador dinástico, a súa viúva e fillos agradecéranlle a Freixo os seus servizos e atencións médicas co regalo expreso dun valioso reloxo de ouro dedicado. Mais, unha vez que saíu elixido concelleiro, Freixo enfrontouse aos Rebellón Basanta na defensa da actual Praciña da Herba como espazo público e non privado, o que lle carreou gañar certa xenreira por parte dos gobernantes conservadores.

A penas seis meses despois de ter solicitada a excedencia na Sanidade Marítima, en novembro, Díaz Freixo volveu aspirar á praza de médico do porto, gañando o concurso de méritos por antigüidade fronte a Quintana Río. Ademais, a partir de 1892, e, grazas a grande amizade que mantiña o seu pai co alcalde liberal de Riobarba, Aniceto Cora Ribera, pasaría a exercer como médico deste concello, sen a obriga de residir nel nin de atender á Beneficencia Pública, e cun salario anual sería de 995 ptas.

Nestes anos a sona do popular médico xa era moi considerable e ía cada vez en aumento, a xulgar polas distintas referencias que aparecen na prensa local. Como mostra imos extractar tan só parte da crónica que publicou o semanario local El Vivariense (4/9/1892) con motivo da onomástica do popular médico, así como da verbena que durante moitos anos organizaban os seus amigos e admiradores para agasallalo nas festas do San Ramón, durante as noites do 30 e 31 de agosto. Os festexos celebrábanse, naquel entón, diante da súa vivenda no nº 59 da Rúa Pastor Díaz, cara á Praza do Alxibe (actual Praza de Lugo), no antigo barrio da Feira. Na reseña xornalística chama a atención a celebración da karmese nocturna, coa maxia das arcadas vexetais e as fogueiras que iluminaban o ambiente, ante a falla de luz eléctrica e a lene iluminación dos farois de gas:

(…)” Sus numerosos amigos, que vienen de años atrás dándole muestras de cariño, no quisieron romper esta vez el carácter tradicional que toma la fiesta, porque la popularidad que goza el reputado médico y las simpatías con que cuenta en Vivero y sus contornos, le hacen acreedor á todo género de deferencias; y no por lo que la verbena pueda suponer, siempre poco para lo que él merece, sino por su significado, se hace digna de mención, a parte de que es de necesidad confesar, que los que hemos tenido el feliz acierto de asistir las noches del martes y miércoles á la carretera, hemos pasado un rato delicioso.

A las nueve, proximamente, las bombas de palenque y reales anunciaron el festival.

Un arco de estilo ojival, adornado de laurel, ramas de boj y perfectamente iluminado con faroles y estrellas de variados colores, se alzaban al extremo de la citada calle y abría paso, por decirlo así, á la fogata situada en el Alxibre.

Multitud de voladores resonaban en el espacio; iluminaba un buen trayecto de carretera profusión de farolillos á la veneciana; aerostáticos de diferentees formas y tamaños elevábanse á las altas regiones de la atmósfera; la banda municipal, con perfecta afinación, tocando escogidas piezas, regalaba los oídos de los concurrentes, dando al viento armónicos acordes; la llama producida por las pipas que ardían proyectábase en las linfas del Landro, pintando en sus superficies siluetas de aspecto fantástico y bellísimo… todo, todo formaba un conjunto sorprendente poético, ideal”.(…)

Ao día seguinte, a partir das cinco da tarde celebrouse unha nova verbena con cucañas e música que rematou cun fermoso paseo nocturno.

O día 2 de setembro de 1893, Díaz Freixo tivo que dimitir como concelleiro para ocuparse de novo da Dirección de Naves do Porto, pois ambos cargos eran incompatibles.

Porén, a penas catro meses despois volveu a ser cesado na Sanidade Marítima e reingresou como médico de hospitais municipais grazas á intervención do médico titular Antonio Castiñeiras que na Sesión ordinaria do Concello (25/12/1893), expresou que co fin de poder atender con toda puntualidade aos servizos era necesaria a designación do seu “digno compañero Don Ramón Díaz Freijo para que este se encargue de los referidos hospitales, quedando el proponente con el de titular interino.” O salario establecido era de setecentas cincuenta pesetas.

 A mediados de maio de 1894, Freixo que actuaba como director do Hospital da Caridade, enviou a súa renuncia ao Alcalde Laureano Río debido a que volvera ser nomeado Director temporal da Sanidade do porto.

Outra volta, fíxose cargo da dirección de visita de naves en Viveiro, pois despois dun curto período de tempo no que fora suprimida, volveu a restablecerse en maio de 1894, por mor das xestións do novo deputado por Viveiro, o liberal Vicente Martínez Bande, segundo contaba o semanario El Ortegal (13/5/1894):

“Debido a las gestiones del celoso diputado á Cortes por este distrito D. Vicente Martínez Bande, se ha restablecido la Dirección de Sanidad Marítima de este puerto, aunque por ahora con carácter temporero, habiendo sido nombrados Director y Celador, respectivamente nuestros queridos amigos D. Ramón Díaz Freijo y D. Manuel Sampedro López, con el sueldo de 3.500 pesetas el primero y 1.440 el segundo”.

Certamente, os cargos de Freixo e do seu correlixionario político Manuel Sampedro, debíanse ao pacto electoral entre o partido republicano centralista e á candidatura liberal de Martínez Bande fronte ao candidato alternativo, o tamén liberal viveirés Servando Fernández Victorio, quen fora apoiado nesta ocasión polos conservadores de Rebellón.

A presenza e participación de Freixo nas distintas sociedades e acontecementos sociais da cidade era moi significativa; así, en 1894 tanto presidía a xunta directiva do Círculo de Recreo como participaba de vicepresidente da Comisión para organizar os festexos con motivo das Feiras de agosto dese ano. Tamén daquela fíxose cargo gratuitamente como médico da Sociedad de Obreros, institución de socorros mutuos constituída en 1888.

De novo, o médico municipal Antonio Castiñeiras, ao saber que Díaz Freixo cesara como Director da Sanidade portuaria a finais de decembro, comunicoullo ao alcalde Laureano Río para reintegralo como encargado dos hospitais da poboación. Deste xeito, Freixo tomaría posesión a principios de xaneiro de 1895, mantendo o mesmo salario de antes da renuncia.

Ambos facultativos volveron a traballar xuntos na sanidade local, até que Castiñeiras Leal decidiu presentar a renuncia como médico titular, “fundada en que por causas especiales no le es posible continuar en el desempeño de su cargo”. O seu substituto sería Manuel Quintana Río, irmán de Benito tamén médico é concelleiro nese momento.

O 22 de decembro de 1895 faleceu Ricardo Díaz Freijo, irmán do noso protagonista e que exercía como párroco de Xerdiz (Ourol). A súa morte, aos corenta e oito anos de idade, afectoulle moito debido ao gran cariño que lle profesaba, pois sempre estiveran moi unidos. O seu enterro celebrado en Viveiro foi unha gran manifestación de pesar e de apoio a súa familia, como expresaba a crónica de El Vivariense (30/12/1895):

(…) De carácter sencillo, amigo excelente, querido de todos sus feligreses, era, desde hace 19 años, cura párroco de Sta. María de Gerdiz. Su muerte produjo penosa impresión, no sólo por las condiciones que le adornaban, sino, también, porque vino á cubrir de luto a una familia apreciabilísima”.

A partir de 1897, logo da proposta do concelleiro Faustino Albo, fíxose cargo da dirección do Hospital de San Lázaro Benito Quintana, pasando Freixo e Manuel Quintana a ocuparse exclusivamente do Hospital da Caridade e das quintas, pero antes do remate do ano, en decembro, a maioría liberal do Concello acordou a destitución de Benito Quintana, do practicante e da enfermeira de S. Lázaro, volvendo a estar o hospital baixo a dirección antecedente.

Outra volta, Díaz Freixo volveu dimitir en xuño de 1899 dentro do prazo legal para facerse cargo da Dirección de Sanidade do Porto. A Corporación fixo constar que “queda satisfecha de la puntualidad y acierto con que ha desempeñado su cometido y que así se le comunique para su satisfacción”.

 

As liortas políticas condicionan os servizos médicos

En 1900, faleceu o seu proxenitor José Díaz Freijo, antigo secretario do Concello de Riobarba e Comisionado para o traslado de quintos dende Viveiro á Caixas de Recrutas.

Durante estes primeiros anos do novo século XX, ocuparíase da Dirección da Xunta de Sanidade de Viveiro, cargo que alternaba co seu posto de médico en Riobarba, a onde acudía a cotío para atender aos doentes desprazándose dende Viveiro nun carro de mulas. Ademais continuaba participando da vida social viveiresa e, mesmo, axudaba na constitución dunha nova asociación musical, como contaba a Gaceta de Galicia (7/3/1901):

“Se han reunido en Vivero varios jóvenes de aquella localidad para acordar lo más conducente al establecimiento de una sociedad filarmónica y coral, resultando por unanimidad elegida una comisión para redactar el reglamento por el que dicha colectividad habrá de regirse, compuesta de los señores don Lucio Fernández Argüelles, D. Ignacio Irimia, D. Ramón Díaz Freijo, D, Rafael Galdo Basanta y D. Plácido Moas Cotilla”.

A Xunta do Partido da Asociación de Médicos Titulares de Viveiro estaba composta polos dous médicos titulares da localidade (os irmáns Quintana Río), o médico de Cervo (Atilano Castrillón) e mailo presidente, Ramón Díaz Freijo, médico de Riobarba.

 Mais, a partir do 25 de xuño de 1908, despois da dimisión que presentara por motivos de saúde e vellez o seu gran amigo e protector o ex alcalde Aniceto Cora, o concelleiro Pascual Rego Cajete expuxo:

(…)” Que consta á todos sus compañeros que el Médico Titular de este Ayuntamiento no reside en el distrito y si en el de Vivero, y que no presta asistencia facultativa á los pobres del Municipio á pesar de los requerimientos que en distintas ocasiones se le ha hecho por lo que propone que se le suspenda de empleo y sueldo y que con audiencia del interesado y con intervención de la Junta de asociados se forme expediente para su separación”.

En adiante, principiouse o expediente e Freixo foi suspendido como médico titular, facéndose cargo interinamente Quintín Rúa Pérez, que vivía en Magazos e acababa de rematar a carreira de Medicina. O novo doutor recibiría un salario de 750 pesetas coa obrigatoriedade de residir en Riobarba, cousa que non puido facer pola falla dunha vivenda en condicións. Debido ás reclamacións xudiciais de Díaz Freixo a resolución da suspensión estendeuse até 1914, momento no que perdería definitivamente o recurso.

Mentres, continuou cos seus labores como médico particular e como patrón do Colegio de Latinidade de Viveiro, cargo para o que foi nomeado a mediados do mes de xullo de 1908. Mais, a partir do 13 de xuño de 1910, o Concello presidido por Juan Muíño Cora e que contaba coa maioría dos concelleiros da atípica coalición republicano conservadora, decidiu cesar aos médicos titulares Benito e Manuel Quintana Río polas “deficiencias é incumplimientos de sus deberes”. A suspensión produciuse sen apertura de ningún tipo de expediente,  acolléndose exclusivamente ás disposicións derrogadas polo R.D. de 15 de novembro de 1909. A Xunta municipal en pleno e por unanimidade nomeou aos médicos Ramón Díaz Freijo e Eusebio Bujados. O salario anual era de 2000 pesetas para cada facultativo pero ambos renunciaron voluntariamente ao cobro de 500 ptas, respectivamente.

Porén, os irmáns Quintana recorreron ao Presidente da Xunta de Goberno, ao Padroado de Médicos Titulares do Estado e ao Gobernador civil, presentando un recurso de alzada por ser funcionarios do concello con contratos indefinidos. Motivos polos que serían repostos o 31 de outubro de 1910, en detrimento de Freixo e Bujados.

Despois das sentencias do Tribunal Supremo de 28 de abril e 13 de novembro de 1912, con fallo favorable aos irmáns Quintana, o Concello veuse na obriga de abonarlles o tempo de suspensión, pero debido aos intereses partidarios  e aos distintos enfrontamentos políticos entre os liberais e os republicano-conservadores o pago retrasaríase até 1916.

Finalmente, Freixo dedicouse exclusivamente a medicina privada, atender gratuitamente aos asociados da Sociedad de Obreros e a multitude de pobres, aos que ten doado diñeiro en efectivo para a adquisición de menciñas e alimentos. Igualmente, xogou un rol moi destacado durante a pandemia gripal de 1918 que tanto afectou a Viveiro. Por mor dos seus múltiples servizos humanitarios e sanitarios foi recompensado, en marzo de 1919, coa cruz de Beneficencia de primeira clase. Ademais, colaborou moito coa directiva obreira para a constitución no seu seo dun Comedor de Caridade para dar de comer diariamente aos máis necesitados nuns momentos certamente difíciles.

Logo do seu pasamento acontecido o 22 de maio de 1924, deixou a maior parte dos seus bens para o mantemento dunha Cociña Económica que non se constituíu até 1932, unha vez que o Ministerio da Gobernación clasificou o seu legado particular co nome de Fundación Ramón Díaz Freijo, dando as normas para a formación do seu Padroado e inversión do capital fundacional.

En próximas entregas falaremos tamén do seu labor ideolóxico como político republicano, do seu enterro laico e da Comisión encargada de erguer o seu monumento.

FUENTE: https://viveirocronista.blogspot.com/2024/06/ramon-diaz-freijo-1848-1924-ramon-diaz.html

Add your Comment

Calendario

noviembre 2024
L M X J V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

Archivos

UN PORTAL QUE CONTINÚA ABIERTO A TODO EL MUNDO